Skip to Main Content
Parece que está usando Internet Explorer 11 o una versión anterior. Este sitio web funciona mejor con navegadores modernos como las últimas versiones de Chrome, Firefox, Safari y Edge. Si continúa con este navegador, es posible que vea resultados inespera

Dialnet: Métricas Dialnet

Que é Dialnet Métricas?


Dialnet Métricas é o resultado dun proxecto de colaboración entre bibliotecas que persegue analizar as referencias bibliográficas dos artigos de revistas que se atopan en Dialnet para obter as citas a documentos e autores. Estes datos, que se poden agrupar de moi diferentes maneiras (por áreas de coñecemento, universidades, revistas, etc.), publícanse no portal tendo en conta os indicadores clásicos e apostando por diferentes formas de mostrar a información.

Polo momento non se inclúen as referencias bibliográficas de todas as revistas en Dialnet, senón que hai filtros:

  • Só se procesan revistas de Ciencias Sociais, Ciencias Xurídicas e Humanidades.
  • Hai unha selección de revistas que se cargan de maneira preferencial (revistas fonte).
  • Inclúense todas as que permiten facelo de xeito automático.
  • E aquelas que teñen especial interese para as bibliotecas colaboradoras.


Dialnet Métricas atópase en fase beta de desenvolvemento, o seu contido está en proceso de consolidación e poderían producirse axustes.

Indicadores


O IDR (Índice Dialnet de Revistas) é unha clasificación de revistas por ámbitos temáticos que permite saber cal é o impacto dunha revista científica, a súa evolución e a súa posición con respecto ao resto de revistas da mesma especialidade. 


Para cada ámbito temático, o IDR calcúlase a partir das citas recibidas polos artigos publicados nos 5 anos anteriores nunha selección de revistas fonte froito do cruce entre Dialnet e Latindex. 


A selección de revista fonte por ámbito para cada edición IDR elabórase conforme os seguintes criterios:

  • Subsistencia ou antigüidade.
  • Calidade editorial, cunha dobre vertente: calidade no proceso editorial (rigoroso sistema de selección e avaliación de orixinais) e reputación e prestixio do editor e comités editoriais.
  • Impacto científico das revistas españolas de Ciencias Sociais tanto a nivel internacional como nacional.
  • Opinión dos/as investigadores/as en España medida a través de enquisas sobre a calidade percibida das revistas da súa especialidade.


Ao seleccionar a categoría temática que se desexa consultar, accédese á clasificación de revistas.

O sistema permite a consulta tanto das diferente edicións anuais publicadas coas súas correspondentes listaxes, como a posibilidade de visualizar as métricas para cada título de revista concreto dentro da categoría.



Para as categorías, os indicadores que se ofrecen son:

  • Número de títulos incluídos na categoría
  • Índice de coautoría para a categoría
  • Cuartil e percentil de cada revista
  • O factor de impacto a 5 anos de cada revista
  • Número de artigos de cada revista
  • Número de citas para cada revista

Pola súa banda, en cada título de revista pódense ver os seguintes indicadores:

  • Impacto
  • Número de citas
  • Posición e cuartil dentro da categoría
  • Triángulo de citación: número de artigos citables, número de citas por ano e número de autocitas
  • Índice de impacto IDR

 

Trátase do outro indicador de calidade baseado en citas que ofrece Dialnet Métricas. A diferenza fundamental entre o IDR e os Indicadores Dialnet é que no primeiro só se teñen en conta as citas emitidas por un conxunto de revistas de excelencia (revistas fonte) nuns anos determinados, mentres que nos segundos pártese do contido completo da base de datos de Dialnet, incluíndo tamén as citas de libros e teses.

Partindo do reconto de citas que reciben as publicacións, trasladouse esta información a revistas e autores, e desde estes á súa institución e área de coñecemento,  permitindo mostrar listaxes ordenadas de investigadores en diferentes contextos.


 

Para o persoal investigador, ofrécense en cada rexistro os seguintes indicadores:

  • Nome e apelidos
  • Institución á que pertence
  • Área de coñecemento
  • Número de publicacións en Dialnet nas que participou
  • Citas recibidas nas revistas do seu ámbito en Dialnet
  • Citas recibidas nas revistas incluídas en Dialnet en calquera ámbito
  • Índices H e H5
  • Media de citas nos últimos 10 anos
  • Media de citas nos últimos 5 anos
  • Datos adicionais

Universidade da Coruña. Servizo de Biblioteca Universitaria. Campus de Elviña, Edificio Xoana Capdevielle, 15071, A Coruña. infoguías.bib@udc.es     Licenza de Creative Commons