Ir ao contido principal

RUC. Repositorio Institucional da UDC

RUC. Repositorio institucional da UDC

O RUC é o repositorio institucional da Universidade da Coruña  creado  para difundir e preservar  a documentación dixital derivada da actividade docente, investigadora e institucional dos membros da UDC.

No RUC están depositados actualmente máis de 19.800 documentos en formato dixital, materiais derivados da produción científica ou académica da UDC

Os autores poden publicar neste repositorio (vía verde) todos os resultados do seu traballo científico ou académico (teses, artigos, informes, documentos de traballo, capítulos de libros...), tanto os que xa publicaron ou pensan publicar nunha revista científica, xa sexa tradicional ou de acceso aberto, como os traballos que non se publicarán nunca de xeito tradicional.

RUC está xestionado polo Servizo de Biblioteca Universitaria. Entre as súas vantaxes están:

  • O depósito dunha publicación no RUC  dalle visibilidade, permite a presenza noutros recolectores e tamén garante que sexa atopada en Google Scholar, Google e outros motores de busca en condicións óptimas. 
  • A presenza neste repositorio é garantía de preservación dos documentos e do acceso cunha URL permanente (handle).
  • Ofrece estatísticas de visitas e descargas.
  • Axuda a protección contra o plaxio porque o documento está visible para toda a comunidade científica.
  • Permite elixir unha licenza Creative Commons para poder detallar os usos que permitimos das nosas publicacións. 
  • Permite crear alertas bibliográficas do que se vai depositando nunha colección concreta.

RUC estructúrase en 5 grandes áreas:

  • Investigación: neste apartado recóllense os documentos producidos pola activade investigadora dos membros da comunidade universitaria, teses, artigos, etc.
  • Publicacións UDC: recolle revistas, libros, congresos, e cursos editados pola Universidade da Coruña
  • Coleccións especiais: na actualidade atopamos a Colección Francisco Pillado Mayor, formada por  imáxenes  dixitalizadas  de  carteis  e  fotografías.  
  • Traballos académicos: traballos de fin de carreira, de fin de grao (TFG) ou de fin de mestrado   (TFM)   presentados  polos alumnos da UDC e que foron seleccionados polas comisións académicas correspondentes.
  • Docencia: materiais para docencia e obxectos de aprendizaxe creados polos profesores e investigadores da Universidade no seu labor docente

Os documentos presentes en RUC son creados polos membros da Comunidade Universitaria da UDC, ainda que pode haber coautores que non pertenzan á institución.

Hai materiais que non sendo creados pola Comunidade da UDC, sí pertencen aos seus fondos documentais.

Os materiais admitidos son: documentos non publicados, en vías de publicación ou xa publicados.​

O persoal docente e investigador da UDC, sempre que se trate de documentos orixinais dos autores e sexan produto da investigación ou da docencia.

Antes de facer un depósito os investigadores teñen que rexistrarse no RUC e estar autorizados na comunidade onde queren arquivar as súas publicacións. O depósito pode realizarse mediante autoarquivo ou arquivo delegado:

  • Autoarquivo: os autores da UDC depositan eles mesmos os seus documentos. Ao facer o depósito aceptan unha licenza de distribución non exclusiva pola que se autoriza ao RUC a arquivar, difundir en aberto e preservar  o/os documentos.  Logo  de  rematar  o  depósito  a  biblioteca revisará os metadatos antes da publicación definitiva no RUC. O autor recibirá unha mensaxe no seu enderezo electrónico avisándolle de que o documento se publicou.
  • Arquivo delegado: os autores da UDC poden solicitar que á Biblioteca realice o depósito dos seus documentos. Isto é tan sinxelo como dirixirse a biblioteca do seu centro e asinar unha autorización para que a biblioteca realice o depósito das publicacións que se queren difundir no RUC.

A Biblioteca.

No RUC tamén existen publicacións nas que a Biblioteca fai o depósito directamente:

  • Documentos afectados por un mandato legal que obriga a súa difusión no Repósitorio Institucional: todas as teses e os traballos académicos seleccionados polas comisións académicas correspondentes.
  • Documentos editados polo Servizo de Publicacións da UDC.
  • Coleccións especiais.
  • Publicacións do PDI da UDC (artigos de revistas, relatorios de congresos, capítulos de libros, etc) que a biblioteca localiza en bases de datos e que están publicadas cunha licenza de acceso aberto, que permite o seu depósito no Repositorio Institucional.

Guía de depósito no RUC

  • Poden depositarse artigos de publicacións periódicas, relatorios, as teses de doutoramento da UDC, monografías e traballos académicos.
  • Admite ademais todo tipo de formatos (imaxe, multimedia...) e non unicamente os textuais.
  • Recoméndase o uso de formatos normalizados de código aberto (RTF, TIFF, PDF, JPG) para favorecer a preservación e a accesibilidade dos textos. 
  • Para documentos textuais formato máis habitual é o PDF
  • O ficheiro que se quere depositar debe ter un nome relevante, aínda que non excesivamente longo, que nos permita identificar a publicación. Recoméndase inserir o nome do autor o ano e algunha palabra significativa do título. No nome do ficheiro nunca deben inserirse espazos nin debe ter acentos.
  • É importante introducir o/os autores en forma directa e cando son varios separados por unha coma (,).
  • Así mesmo no menú “Seguridad”, os arquivos non deben ter ningunha restricción. En caso contrario os buscadores non poden ler o texto.​
  • Podense depositar documentos en calquera idioma.

Horizonte 2020 obriga a depositar en aberto os datos de investigación necesarios para validar os resultados da investigación a algunhas áreas de coñecemento.

O RUC non está habilitado para o depósito de datos de investigación. A UDC recomenda que os seus investigadores depositen os datos de investigación no repositorio multidisciplinar Zenodo (creado polo CERN e a iniciativa OpenAire da Comisión Europea). Con esta finalidade a UDC creou unha comunidade propia en Zenodo. Tamén é de interese depositar complementariamente os datos nun repositorio temáico. Pode consultar directorios como Re3data ou Data Repositories.

Se precisa axuda ou máis información sobre como facer o depósito contacte co Servizo de Biblioteca.

Todas as teses da UDC  aprobadas despois de febreiro de 2012,  seguindo a normativa legal, se arquivan e difunden no Repositorio institucional  da UDC (RUC).

As teses lidas antes desta data (febreiro de 2012) so se publicarán coa autorización previa do autor, que deberá asinar un contrato. En calquera momento un/a doutor/a pode solicitar que a súa tese sexa publicada no RUC.

Procedemento para a incorporación das teses de doutoramento ao RUC:

A biblioteca é a encargada de arquivar no RUC as teses de doutoramento que lle son enviadas desde a Escola Internacional de Doutoramento da UDC (EIDUDC).
Para o seu correcto arquivo e recuperación deben seguirse as Recomendacións para a presentación da tese e respetar sempre os formatos de presentación para a portada o CD e a carátula.

O autor da tese ten que asinar:

  • Unha declaración na que indica que ten coñecemento de que a súa tese vai ser publicada no Repositorio Institucional da UDC (RUC) e donde pode elixir o tipo de licenza que vai utilizar para publicar e solicitar un tempo de demora na difusión.
  • Un documento que indica que o exemplar da tese en formato electrónico é unha copia fidedigna da versión impresa.

A Biblioteca tamén incorpora os datos da tese de doutoramento no seu catálogo e na base de datos Dialnet, incrementando a súa visibilidade.

 

 

Antes de depositar

  • Rexístrese en RUC como usuario
  • Comunique a ruc@udc.es que quere depositar, indicando o grupo ou unidade de investigación á que pertence
  • Os administradores de RUC activarán os permisos precisos e comunicaranllo a vostede​​

​​Facer o depósito no RUC

Unha vez que se fai o rexistro, o autor pode autoarquivar o pode solicitar á biblioteca que faga o arquivo das súas publicacións no RUC, é o que se coñece como depósito delegado. As condicións son:

  • O autor achega á biblioteca os documentos que quere archivar
  • Autoriza á biblioteca o depósito destes traballos no RUC no seu nome.
  • A biblioteca comproba xunto ao autor en que condicións se poden depositar os documentos (licenzas, versións, embargos...)

No caso das teses de doutoramento, traballos académicos, documentos editados polo Servizo de Publicacións da UDC, coleccións especiais e publicacións en acceso aberto de investigadores da UDC  non é preciso que o autor o solicite, a Biblioteca levará a iniciativa do depósito.

O  RUC proporciona un acceso permanente a todos os documentos que se depositaron, xa que, o seu obxectivo é preservar a memoria documental da investigación realizada pola comunidade científica da Universidade da Coruña, polo que, non se posibilita a eliminación de rexistros.
Non se permiten cambios nos documentos depositados máis aló da corrección de erros  tipográficos, ortográficos ou de maquetación, e sempre coa debida solicitude argumentada.
A política do  RUC é conservar todas as versións dos traballos depositados. Se un/a investigador/a ou docente da UDC revisa substancialmente o contido dun traballo seu e desexa depositar unha nova versión, farase como un rexistro e un documento novos. Os administradores do  RUC poderanlle axudar a enlazar ambas as versións do traballo e incluír información sobre que versión é a preferida. O  RUC conservará os depósitos dos traballos de autores da Universidade da Coruña aínda que cambien de afiliación institucional.

Excepcionalmente, os administradores do   RUC eliminarán, por petición do/a autor/a ou por iniciativa propia, os rexistros que:

  • Infrinxan os dereitos de autor.  Neste caso, tanto se se trata dun documento depositado sen permisos da persoa propietaria do dereito de explotación como dun caso demostrado de plaxio, o rexistro e o documento eliminaranse inmediatamente. Contactarase coa persoa que realizou o  depósito para solicitar unha versión do traballo que sexa susceptible de depositar. 
  • Sexan traballos duplicados.
  • Presenten algún problema técnico ou estean nun formato inapropiado.

No  caso de que se detecte que se introduciu unha versión do documento distinta á que permite a editorial, retirarase inmediatamente e contactarase coa persoa autora do documento para solicitar unha versión que si permita o seu depósito.
Os documentos que sexan eliminados serán borrados totalmente da base de datos. Os metadatos dos arquivos eliminados tamén se borrarán.

 

Imaxe

Universidade da Coruña. Servizo de Biblioteca Universitaria. Campus de Elviña, Edificio Xoana Capdevielle, 15071, A Coruña. infoguías.biblioteca@udc.es     Licenza de Creative Commons