Skip to Main Content

Acceso Aberto: Mandatos e recomendacións

As políticas de acceso aberto van desde amplas declaracións de apoio e promoción -declaracións internacionais- a mandatos máis prescritivos dos organismos que financian a investigación, mesmo en forma de leis, así como políticas institucionais que declaran o seu apoio ao acceso aberto como principio e animan aos académicos a publicar desta forma.

A Universidade da Coruña asinou a adhesión institucional á Declaración de Berlín  en  xaneiro de 2006, por proposta da Comisión  da  Biblioteca Universitaria.

Desde os anos 90, as facilidades para intercambio de información que ofrece internet xunto ao alto custo das subscricións de revistas científicas propician a aparición das primeiras iniciativas para promover o acceso aberto a información, que xunto cos compromisos institucionais acaban por definir e impulsar este movemento.

Os propios científicos son os que impulsan estas primeiras iniciativas: Arxiv (1991) ou Public Library of Science (PLOS)) (2000) son un exemplo.

Nos primeiros anos do século XXI aparecen declaracións de ámbito internacional que avalan o compromiso social co acceso aberto e acaban de definilo. As máis coñecidas son estas:

Declaración de Budapest (2002). Avoga polo libre acceso á literatura científica a través de Internet, respectando as leis de copyright.

Declaración de Berlín,   (2003). Apoia abertamente o movemento de acceso aberto e compromete ás institucións para favorecer e impulsar esta vía.

 


Programa Horizonte 2020 é un programa público de investimento  da UE destinado a impulsar a investigación, a innovación e a competitividade para o período 2014-2020. 

Todos os proxectos financiados ou cofinanciados por algunha convocatoria H2020 están afectados por un mandato de acceso aberto.

Para as publicacións resultado da investigación:

  • É obrigatorio depositar en acceso aberto nun repositorio os artigos de revistas con revisión por pares, na versión do editor (post-print) ou na versión revisada do autor (post-print do autor) e nun prazo máximo de 6/12 meses desde a publicación.
  • Acceso aberto recomendado para libros, monografías, comunicacións a congresos e literatura gris.

Para os datos usados na investigación:

  • Todos os proxectos iniciados en 2017 teñen a obriga de depositar nun repositorio en acceso aberto os datos de investigación que sirven para validar os resultados das publicacións científicas. Opcionalmente poden depositarse outro tipo de datos creados durante o proxecto.
  • Nos proxectos iniciados antes do ano 2017 unicamente hai algunhas áreas que teñen a obriga de depositar en aberto os datos. As áreas non incluidas poden participar voluntariamente.
  • No mandato de datos é obrigatorio que o investigador elabore un Plan de Xestión de Datos: un documento que describa o tratamento que van ter os datos recollidos e creados no desenvolvemento do proxecto. Cando os datos non poden estar accesibles hai que indicar o motivo. A primeira versión do Plan de Xestión de Datos ten que entregarse durante os 6 primeiros meses do proxecto.

 Horizonte Europa 2021–2027 é o próximo programa de investigación e innovación da UE, continuidade de Horizonte2020. Horizonte Europa recolle o principio  de «ciencia aberta», e esixe tamén un acceso aberto ás publicacions e aos datos.

Outras políticas de acceso aberto

  • Directrices de acceso aberto do Consello Europeo de Investigación (ERC)
  • Proxecto OpenAIRE para apoiar a aplicación do acceso aberto en Europa
  • Plan S: iniciativa en favor da publicación en acceso aberto lanzada por Science Europe en 2018 a través de “ cOAlition S“, un consorcio creado polo Consello Europeo de Investigación e axencias nacionais de investigación e financiadores de doce países europeos. O obxectivo do Plan S é acelerar o proceso de publicación en acceso aberto, para que a partir do 1 de xaneiro de 2020, todas as publicacións financiadas con subvencións públicas estean publicadas en revistas ou plataformas de acceso aberto.

 

Artigo 37. Difusión en acceso aberto.

1. Os axentes públicos do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación impulsarán o desenvolvemento de repositorios, propios ou compartidos, de acceso aberto ás publicacións do seu persoal de investigación, e establecerán sistemas que permitan conectalos con iniciativas similares de ámbito nacional e internacional.

2. O persoal de investigación cuxa actividade investigadora estea financiada maioritariamente con fondos dos Orzamentos Xerais do Estado fará pública unha versión dixital da versión final dos contidos que lle foran aceptados para publicación en publicacións de investigación seriadas ou periódicas, tan pronto como resulte posible, pero non máis tarde de doce meses despois da data oficial de publicación.

3. A versión electrónica farase pública en repositorios de acceso aberto recoñecidos no campo de coñecemento no que se desenvolveu a investigación, ou en repositorios institucionais de acceso aberto.

4. A versión electrónica pública poderá ser empregada polas Administracións Públicas nos seus procesos de avaliación.

5. O Ministerio de Ciencia e Innovación facilitará o acceso centralizado aos repositorios, e a súa conexión con iniciativas similares nacionais e internacionais.

6. O anterior enténdese sen prexuízo dos acordos en virtude dos cales se puideron atribuír ou transferir a terceiros os dereitos sobre as publicacións, e non será de aplicación cando os dereitos sobre os resultados da actividade de investigación, desenvolvemento e innovación sexan susceptibles de protección.

O RD 99/2011 indica que, unha vez aprobada a tese de doutoramento, a Universidade deberá ocuparse do seu arquivo nun repositorio institucional (artigo 14). 

A UDC recolle tamén este mandato no artigo 39 do seu Regulamento de estudos de doutoramento e polo tanto todas as teses da UDC publícanse no RUC, o repositorio institucional.


Estes dous directorios permiten identificar e analizar as políticas existentes, nacional e internacionalmente, que favorezan, impulsen ou requiran o acceso aberto da produción científica.

Universidade da Coruña. Servizo de Biblioteca Universitaria. Campus de Elviña, Edificio Xoana Capdevielle, 15071, A Coruña. infoguías.bib@udc.es     Licenza de Creative Commons