Ir ao contido principal

Acordos transformativos da UDC para publicar en acceso aberto

Guía de descrición dos acordos transformativos existentes na UDC e os seus requisitos de cara ao persoal investigador.


Os acordos transformativos forman parte dos cambios na Ciencia Aberta para desenvolver a investigación científica. O acceso aberto na comunicación científica persevera para que o intercambio de información entre os científicos sexa universal, pero isto esixe ter modelos económicos que fagan sostible esta forma de comunicación. Un posible modelo son os acordos transformativos, que usan o diñeiro tradicionalmente destinado a subscricións para pagar os custos de publicar en aberto (Lluís Anglada, 2020).

A ESAC (Efficiency and Standards for Article Charges), descríbeos como contratos entre institucións e editoriais para transformar o modelo de negocio da edición académica. Dun modelo de subscrición pásase a outro no que as editoriais reciben un prezo xusto polos seus servizos de edición en acceso aberto. Xa non se paga por ler artigos que se publican con restricións de acceso senón polos servizos que dedican a publicar eses artigos en acceso aberto. É o que se coñece como Read & Publish (Ler & Publicar).

Desta forma, as universidades ou as súas bibliotecas pagan para que unha institución teña acceso ás revistas dunha editorial e que o custo de subscrición tamén cubra os gastos de procesamento dos artigos (APC) que os autores da institución pagarían normalmente por publicar o seu traballo en acceso aberto con esa editorial.

As principais características dos acordos transformativos segundo a ESAC son:

  • Son acordos transitorios, que buscan facilitar o camiño cara un escenario no que a comunicación científica sexa en acceso aberto.
  • Os acordos deben permitir aos autores reter a propiedade intelectual dos seus textos.
  • Os acordos deben ser transparentes e as súas cláusulas han de facerse públicas.
  • Os acordos deben deter o incremento nos custos nos que incorren as institucións. O custo desta fase de transición debe ser neutral, é dicir, estar no mesmo nivel de gasto de subscrición actual e evitar o pago dobre ou double dipping.
  • Deben incluír cláusulas para garantir que se aborden as necesidades de autores e administradores.

ESAC mantén un rexistro no que se recollen os acordos transformativos a nivel internacional. 

 

Universidade da Coruña. Servizo de Biblioteca Universitaria. Campus de Elviña, Edificio Xoana Capdevielle, 15071, A Coruña. infoguías.biblioteca@udc.es     Licenza de Creative Commons