Skip to Main Content
Parece que está usando Internet Explorer 11 o una versión anterior. Este sitio web funciona mejor con navegadores modernos como las últimas versiones de Chrome, Firefox, Safari y Edge. Si continúa con este navegador, es posible que vea resultados inespera

Citas e referencias bibliográficas: Tipos de citas

Existen varios modelos de citas que se poden atopar dentro dun texto, sendo as máis comúns as que se amosan a continuación. Hai que ter en conta que a forma de representar a cita (usando parénteses ou corchetes, co modelo autor-ano, etc.) dependerá do estilo de referencias que se empregue: APA, Chicago, IEEE, etc.
 

Tipos de citas Como se relaciona cada cita coa súa correspondente referencia

A cita textual consiste en copiar literalmente unha frase ou parágrafo doutra obra. O fragmento copiado transcríbese entre comiñas ou con letra cursiva, se é unha frase curta. Se é un texto longo (máis de 40 palabras polo xeral) distínguese nun parágrafo aparte e con diferente tabulación

A cita indirecta non textual - tamén chamada paráfrase - consiste en explicar ou comentar coas propias palabras as ideas, argumentos extraídos da obra doutra autora ou autor.

A cita de cita emprégase cando non se pode consultar a fonte orixinal, senón que a cita se extrae dunha obra secundaria. Neste caso hai que citar a fonte orixinal, aínda que na bibliografía só se inclúan os datos da fonte secundaria. Este tipo de citas debe ser empregado con moderación, pois é preferible consultar as obras orixinais.

Recorde: sempre que se cita, indícase a fonte orixinal ou referencia bibliográfica da que se extraeu a frase, idea ou información. As referencias bibliográficas inclúense ben ao pé de páxina ou nunha lista de bibliografía ao final do traballo.

Dependendo do estilo de referencias empregado, pódense dar tres métodos para relacionar as citas no texto coas referencias bibliográficas:

  • Método numérico: as citas indícanse cun numero insertado despois do/a autor/a ou concepto referenciado. Os números introdúcense mediante parénteses, corchetes ou subíndices. Xeralmente, as citas dun mesmo documento reciben o mesmo número e a listaxe das referencias ordénase numéricamente.
  • Sistema  Harvard ou (autor, ano): Para indicar que se está citando a outro/a autor/a,  intercálase no texto - entre parénteses - o seu nome (se este forma parte do texto, non se inclúe na cita), o ano de publicación da obra e, opcionalmente, as páxinas citadas. As referencias completas dos documentos citados preséntanse nunha lista alfabética de persoas autoras, ao final do traballo.
  • Sistema numérico de notas ao pé de páxina: Para indicar que se está citando a outros/as autores/as intercálanse no texto números correlativos que remiten ás notas ao pé de paxina. Ademais, ao final do traballo incorpórase unha bibliografía ou a listaxe de referencias.
Recomendacións sobre o uso das citas Pautas para a redacción das referencias
  • Non convén limitar a bibliografía utilizada a aqueles estudos que sustentan un punto de vista determinado, cando exista literatura científica que sosteña hipóteses contrarias
  • Non é recomendable citar só a  literetura científica producida nun  pais ou por un determinado grupo de investigación.
  • Evitar a auto-citación ou a cita de colegas coa finalidade de aumentar a súa reputación científica.
  • Non se recomenda citar fontes inaccesibles (por exemplo informes non publicados).
  • Non convén citar sen ler o documento citado.
  • Convén non abusar dunha gran cantidade de citas, cando sexa suficiente con menos.
  • Recoméndase redactar as citas de maneira uniforme. Existen uns modelos de citación establecidos por áreas científicas, os chamados estilos bibligráficos. Elixirase o que recomende o/a profesor/a ou aquel que mellor se adapte á área de coñecemento na que se encadra a investigación.
  • Aconséllase que os datos que compoñen a referencia sexan tomados directamente do documento orixinal citado.
  • As referencias redáctanse no idioma orixinal do documento citado.
  • Pódense indicar os códigos identificativos dos documentos referenciados. Por exemplo, se é un libro, o ISBN ou o DOI, se se trata dun documento electrónico.
  • Convén utilizar algún xestor bibliográfico no que se poda almacenar e organizar a bibliografía consultada.

Universidade da Coruña. Servizo de Biblioteca Universitaria. Campus de Elviña, Edificio Xoana Capdevielle, 15071, A Coruña. infoguías.bib@udc.es     Licenza de Creative Commons