Skip to Main Content
Parece que está usando Internet Explorer 11 o una versión anterior. Este sitio web funciona mejor con navegadores modernos como las últimas versiones de Chrome, Firefox, Safari y Edge. Si continúa con este navegador, es posible que vea resultados inespera

Guía de apoio para a realización do TFG: Recursos para buscar información

Buscar información

 

Unha vez definido o tema do traballo e extraídas as palabras clave, o seguinte paso é saber onde localizar información especializada e coñecer as principais ferramentas de busca de información: catálogos, buscadores, bases de datos, etc.

Fontes de información

Coñecer, distinguir e seleccionar as fontes de información adecuadas para o traballo que se está realizando é parte do proceso de investigación. Denomínanse fontes de información a diversos tipos de documentos que conteñen datos útiles para satisfacer unha demanda de información. Na súa forma máis básica poden clasificarse en primarias e secundarias.

  • As fontes primarias conteñen información nova e orixinal, resultado dun traballo intelectual. Son documentos primarios: libros, revistas científicas (e por extensión os artigos publicados nelas), periódicos, informes, patentes, normas… Cada un destes tipos de documentos emprégase para atopar información con diferentes características. Así, por exemplo, as revistas ofrecen información máis actualizada e de maneira máis concisa que os libros; os informes son documentos máis específicos nos que se recolle o resultado dun estudo ou investigación, etc.
  • As fontes secundarias conteñen información organizada, elaborada. Recompilan información sobre fontes primarias e facilitan o acceso ás mesmas, é dicir, son as que indican como e onde atopar as fontes primarias. Son fontes secundarias: catálogos, bases de datos, motores de busca… 

Á hora de elaborar o traballo poderanse consultar tanto fontes primarias como secundarias, aínda que a relevancia de cada unha delas virá determinada pola área de estudo. Por exemplo, en Ciencias son fundamentais os artigos de revista; en Humanidades, os libros.

Ademais, para localizar cada tipo de documento primario consultarase unha fonte secundaria distinta. Por exemplo, para atopar libros o habitual é buscalos nun catálogo de biblioteca; para atopar artigos de revista o mellor son as bases de datos, etc.

Bases de datos

Para a elaboración dos traballos teredes que consultar as principais bases de datos do voso ámbito. Por desgraza non existe unha única base de datos que responda todas as preguntas, por iso, aínda que todas elas comparten uns trazos comúns, diferéncianse no tamaño, accesibilidade, lingua, contidos e interface de busca.

Ademais das bases de datos especializadas na vosa materia, existen bases de datos multidisciplinares, que polas súas características, resultan un bo complemento no proceso de busca da información.

Por que usar as bases de datos da biblioteca e non Google?

Principais bases de datos multidisciplinares

Dialnet defínese como un dos maiores portais bibliográficos do mundo, cuxo principal cometido é dar maior visibilidade á literatura científica hispana. Destaca especialmente nos ámbitos das Ciencias Humanas, Xurídicas e Sociais e indexa artigos de revistas, libros e capítulos de libros, actas de congresos, etc.

Dialnet Plus é a versión avanzada de Dialnet, dispoñible para institucións, á que se pode acceder desde a rede da UDC. Proporciona unha serie de servizos de valor engadido como a posibilidade de realizar buscas avanzadas, gardar buscas, exportar listas de referencias, etc.

                      

ÍnDICEs–CSIC é a base de datos do CSIC (a maior institución pública dedicada á investigación en España), que recompila e difunde principalmente artigos de investigación publicados en revistas científicas españolas. Está accesible por subscrición desde a rede da UDC, aínda que existe tamén unha versión gratuíta máis limitada.

As revistas españolas incluídas están especializadas en diferentes campos do coñecemento, englobados nas áreas temáticas xerais de Ciencias Sociais, Ciencias Humanas, Ciencia e Tecnoloxía, e Ciencias Médicas.
Aínda que ÍnDICEs-CSIC é unha base de datos referencial e en principio só se pode atopar a referencia bibliográfica dos documentos (título, autor, etc.), cada vez é maior o número de documentos con acceso ao texto completo.                                                     

            ​​​​​​

Clarivate Analytics é a empresa que se encarga desta plataforma de busca, que integra un compendio de bases de datos de Ciencias, Ciencias Sociais e Humanidades, agrupadas baixo a denominación Web of Science, ademais de ofrecer acceso tamén a Medline, a base de datos máis importante en biomedicina.

Scopus é outra das bases de datos bibliográfica referencial e de citas máis importante a nivel mundial. Indexa literatura científica de temática multidisciplinar revisada por pares, incluíndo revistas, libros e relatorios de congresos.

Outras ferramentas de busca de información

O catálogo da Biblioteca Universitaria da UDC é unha base de datos onde podedes buscar e atopar os documentos dispoñibles na biblioteca. Ademais de libros, no catálogo atoparedes revistas, teses, etc., así como información en diferentes soportes (papel, CDRoms, electrónicos, etc.).

Busca avanzada

 

Outro catálogo de interese é o de REBIUN (Red de Bibliotecas Universitarias Españolas), que reúne os fondos bibliográficos que están dispoñibles nas bibliotecas universitarias e de investigación españolas. 

Lembrade que se o libro, revista, etc. que necesitades, non está na Biblioteca da UDC, a través do Servizo de Préstamo Interbibliotecario podemos axudarvos a obter o documento.

A miúdo, cando se necesita información, búscase en Google. Con todo, tedes que ter en conta que Google non inclúe todos os sitios web nin recursos que existen, e é un erro pensar que se non atopas a información en Google é que non existe.

Os buscadores poden ser xerais (como Google) ou científicos. Para buscar información de maior calidade para os vosos traballos recomendámosvos buscadores científicos como:

Os repositorios son arquivos dixitais que se utilizan para almacenar a produción científica e académica das institucións. O repositorio institucional da Universidade da Coruña chámase RUC, e nel atópanse depositados os TFG que foron seleccionados polas comisións académicas correspondentes. Podedes consultalos na comunidade do RUC Traballos académicos.

 

Para consultar os traballos académicos doutras universidades recomendámosvos  Recolecta, portal creado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) e a Red de Bibliotecas Universitarias (REBIUN)  co obxectivo de crear unha infraestructura nacional de repositorios científicos de acceso aberto. Inclúe TFG presentados en universidades españolas.

Os portais de libros e revistas electrónicas son webs de editoriais que ofrecen aos seus suscritores o acceso a libros e revistas científicas.

A Biblioteca da UDC conta coas seguientes plataformas:

Como acceder desde casa aos recursos-e

Lembrade que tedes que autenticarvos se queredes acceder desde fóra do campus á colección electrónica da biblioteca

Universidade da Coruña. Servizo de Biblioteca Universitaria. Campus de Elviña, Edificio Xoana Capdevielle, 15071, A Coruña. infoguías.bib@udc.es     Licenza de Creative Commons