Skip to Main Content

O catálogo da BUDC: Buscar

Tipos de buscas

A busca simple permite atopar calquera obra a través de distintos índices:palabra-clave, autor, título, título da revista, materia, colección, ISBN/ISSN/DL e signatura.


PALABRA-CLAVE: realiza a busca empregando un ou varios termos, que se poden combinar entre si mediante os denominados operadores booleanos. Os termos empregados refírense normalmente á materia da que trata o documento, pero poden empregarse tamén nomes de autor/a, nome da editorial, nome da colección ou partes do título. 

 

 

AUTOR: realiza a busca polo/s apelido/s do/a autor/a do documento. 

 

 


TÍTULO: realiza a busca polo título do documento. Non é necesario introducir o título completo. Se o título contén un artigo inicial, en calquera idioma, este non se inclúe.  


 

 

TÍTULO DE REVISTA: aplícase o mesmo que para a busca por título, pero restrinxindo a busca aos títulos das revistas.  


 


MATERIA: a busca por materia é similar á da palabra clave, pero empregando unha linguaxe controlada, na que os termos se presentan nunha orde determinada. Supón unha opción máis avanzada e precisa para a busca de documentos polo seu contido.



COLECCIÓN: atopa os documentos buscando pola colección editorial na que foron publicados. 

 



ISBN/ISSN/DL: realízase a busca polos números normalizados dos libros (ISBN), revistas (ISSN) ou polo Depósito Legal (DL). Os números normalizados son códigos que fan unha identificación única para cada título, o que fai máis doado atopar un documento concreto.
 


SIGNATURA: busca polo código que identifica a un exemplar determinado dentro da colección de cada biblioteca, o que permite localizalo nos estantes. Cada biblioteca soe ter o seu conxunto de códigos para identificar a súa colección. Por exemplo, na Biblioteca de Educación o código EDF refírese aos libros sobre educación física.

Trátase dun tipo de busca máis profesional, que permite establecer unha estratexia completa e personalizada de busca, xa que pode combinar a busca en varios campos diferentes (autor, título, materia e editorial) e utilizar os operadores booleanos: E, OU e NON. Permite obter resultados máis pertinentes.
 

Permite atopar calquera obra, igual que na busca simple, pero neste caso ao premer en cada un dos índices danse indicacións e exemplos de como encher os campos.

Na seguinte imaxe vese a páxina da busca por autor e a información proporcionada:

 

Con esta opción, limítase a busca xa desde o comezo por: revistas, teses, traballos de fin de carreira/grao, de fin de mestrado, recursos en liña, etc. Como na busca guiada, tamén se ofrece información de interese para mellorar a calidade da busca.

Por exemplo, neste caso todas as buscas que se fagan só serán nos recursos en liña.

 

Os operadores de busca son símbolos ou termos que permiten realizar buscas máis pertinentes e eficaces dentro dunha colección de documentos cando se fan consultas en liña (catálogos en liña, bases de datos, buscadores, etc.). Os tipos máis habituais son os operadores booleanos, os operadores de posición e os truncamentos e comodíns.

Operadores booleanos: tamén coñecidos como operadores lóxicos, empréganse para relacionar dous ou máis termos, no que se coñece como ecuación de busca, para conseguir resultados máis precisos. Os empregados no catálogo da BUDC son: AND, AND NOT e OR. Estes operadores poden combinarse de maneira múltiple, pero canto máis complexa sexa a ecuación de busca, menos probabilidade de atopar resultados.

  • AND: con este operador amósanse os resultados que conteñen todos os termos de busca indicados, independentemente da súa posición na ecuación de busca.

Pobreza AND España  >  Devolve documentos que falan sobre a pobreza en España.

  • AND NOT: con este operador amósanse os resultados que conteñen o primeiro termo, pero non o segundo. Emprégase para reducir o número de resultados.

química AND NOT orgánica  >  Devolve documentos que falan sobre a química, exceptuando a química orgánica.

  • OR: con este operador amósanse os resultados que conteñen polo menos un dos termos. Emprégase para ampliar o número de resultados e é especialmente útil para indicar sinónimos, termos en varios idiomas, etc.

Deporte OR Sports  >  Devolve documentos sobre deporte que poden estar en español ou inglés.

Operadores de posición: con estes operadores, os termos que se relacionan deben manter unha determinada posición entre eles. As comiñas poden incluírse nesta categoría; úsanse para recuperar os termos introducidos dentro delas un pegado ao outro e na mesma orde.

"rede neuronal"  >  Devolve documentos que conteñen no seu rexistro bibliográfico esta frase exacta.

Truncamentos e comodíns: son símbolos que se introducen nos termos para recuperar diversas formas dos mesmos. Son os asteriscos (*) e o símbolo de peche da interrogación (?). Os asteríscos substitúen varios caracteres, mentres que o símbolo da interrogación só un carácter. Ambos poden aparecer no medio ou ao final da palabra.

Natur*  >  Devolve documentos que conteñen unha palabra que comeza coa raíz "natur": natura, natureza, naturaleza, naturalmente, etc.

Nen?  >  Devolve documentos que conteñen a palabra "neno" ou "nena",  por exemplo.


Como xa se comentou, todos estes operadores poden combinarse dun xeito moi variado, para afinar a busca o que se desexe. Con todo, para evitar complicacións é preferible comezar con buscas máis sinxelas e ir filtrando os resultados pouco a pouco.

(casa? OR vivenda?) AND Galicia  >  con esta ecuación de busca os resultados conterán os termos "casa" ou "vivenda", en singular ou plural, en conxunción co termo "Galicia"


Fonte: Cómo los operadores booleanos mejoraron mis búsquedas bibliográficas (neoscientia.com)

Calquera das opcións de busca vistas neste apartado permite filtrar ou limitar os resultados que se van amosar. Estes filtros aplícanse por ubicación do documento, tipoloxía documental, idioma, etc., dependendo da opción de busca que se empregue.

 

BUSCA SIMPLE:

Cando se realiza unha busca simple, é posible limitar os resultados que se van obter polas diferentes bibliotecas do Servizo ou ben por tipoloxías de documentos. A opción que se amosa por defecto é a busca no catálogo completo, é dicir, en todas as bibliotecas e por todo tipo de documentos.

Deste xeito, podemos limitar para que a nosa busca só devolva resultados para a Biblioteca de Economía e Empresa ou que os documentos só sexan teses de doutoramento, por exemplo.

 

 

 

 

 

 

 

BUSCA AVANZADA:

Este tipo de busca presenta opcións máis avanzadas para limitar os resultados. Ademais de limitar por biblioteca ou tipo de documento, tamén se poden establecer filtros por idioma, ano de publicación ou nome da editorial. Por outra banda, tamén se pode indicar que só se amosen os exemplares dispoñibles. E ademais pódese establecer a orde na que se amosarán os resultados: por relevancia, por data ou por título.

 

 

 

 

 

BUSCA GUIADA:

Na busca guiada pódense establecer os mesmos filtros que para a busca simple, é dicir, por biblioteca ou tipo de documento. Tamén se pode indicar a orde na que aparecerán os resultados. Neste tipo de busca, a orde dos resultados pode establecerse por: título, autor, data (máis antigos), data (máis recentes), signatura e tipo de material.

 

 

 

BUSCA POR TIPO DE DOCUMENTO:

Neste caso, só se limitan os resultados por cada biblioteca.

Universidade da Coruña. Servizo de Biblioteca Universitaria. Campus de Elviña, Edificio Xoana Capdevielle, 15071, A Coruña. infoguías.bib@udc.es     Licenza de Creative Commons